ef

Resultado de imagen de perdonad las molestias estamos jugando para vosotros
"Todos os grandes pensamentos son concebidos ao camiñar".

martes, 20 de decembro de 2016

I CARREIRA DO LEITE

  Boas!! Agora que estamos metidos e metidas de cheo nas carreiras, déixovos información sobre a I Carreira da Leite que se celebrará o día de fin de ano en Mazaricos, coa fin de promocionar o deporte saudable e o consumo de productos lácteos. Déixovos o link con toda a información por se estades interesados en participar. 



domingo, 11 de decembro de 2016

E POR QUE...??? MENTES INQUEDAS

MENTES INQUEDAS

  O exercicio implica movemento, pero non só en canto ao corpo, senón tamén ten moito que ver coa capacidade de pensar. O movemento xera ideas, imaxes e favorece unha mente activa que nos permite afrontar as situacións da vida cotiá dun xeito máis eficaz.

  Todo isto ben o saben os alumnos e alumnas do CPI Alcalde Xosé Pichel. Porque? preguntarédesvos. E que a min me encantan as mentes inquedas, incapaces de conformarse co que xa saben e que constantemente teñen dúbidas e gañas de aprender, e neste cole, estou a descubrir moitas delas nas sesións de Educación Física. A vosa opinión é fundamental porque sen rapaces e rapazas que queiran aprender, non teriamos sentido os mestres. Nós, e eu particularmente, estou moi orgullosa de dicir que cada día aprendo un pouco máis con e de vós e por iso abro un fío para que poidades expresar todo iso que vos move por dentro...

  Imos ao quid da cuestión: A noticia das diferencias entre distancias para nenos e nenas segundo categorías na carreira de Cee causou unha grande conmoción. Profe!!! acaso tratan de dicir que as nenas non somos quen de correr tanto coma os nenos? Porque? Non o entendemos... Hai nenas que corren máis que os nenos...Apreciación que para algúns adultos/as pasaría desapercibida pero non para os alumnos/as do Pichel. Hurra por vós!!! 

  ATENCIÓN, ATENCIÓN! o debate está en acción! Propóñovos que deades a vosa opinión en canto ao seguinte: Cal é o motivo polo que o reglamento establece que os nenos, na maior parte de categorías, corran máis distancia que as nenas? Pasa o mesmo nas carreiras de adultos?

  Para que a vosa resposta sexa publicada, non esquezades poñer o nome e o curso no que estades. E tede en conta que non abonda con dicir "Si" ou "Non", senón que tedes que desplegar o voso inxenio e buscar unha razón que xustifique a vosa resposta con artigos en internet, xornais, etc. É dicir, para que o debate sexa interesante, argumentade ben as vosas respostas. Penso que tedes a capacidade para facelo francamente ben.


  Debezo por lervos!!! Animádevos a debater!

PREPARADOS/AS, LISTOS...XA!!


CARREIRA CAMPO A TRAVÉS CEE 16 DECEMBRO DE 2016  





PREPARADOS..., LISTOS/AS... XA!!! é o son que adoitamos escoitar neses intres antes da saída dunha carreira cando o pulso se acelera e estamos desexosos e desexosas de poder comezar canto antes a poñer en movemento pernas, corpo e corazón.


  A data por fin está a piques de chegar para acudir a unha actividade tan divertida como é o campo a través. Si, nenos e nenas de 3º a 6º, este venres 16 Cee nos agarda!!! En canto nos confirmen o horario de autobús, entregarémosvos unha autorización con toda a información. É fundamental que a traiades firmada e cuberta tanto se asistides coma se non.

  Esta saída é unha oportunidade fenomenal de coñecer a outros nenos e nenas, aplicar o traballado nas sesións de EF, poñer a proba as nosas capacidades e, o máis importante de todo, para divertirse facendo exercicio. Ide a gozar da actividade; gañar pode parecer o mellor pero permitídeme que non estea totalmente dacordo: o mellor, na miña humilde opinión, é esforzarse e estar feliz independentemente de se a carreira nos leva máis ou menos tempo. Poucas cousas hai que presten tanto coma o feito de aplicarse nalgunha cousa e sentirse cheo de fachenda dun mesmo/a.

  E para rematar uns breves consellos que xa ben coñeces: 
  Almorza ben, porque iso fará que o teu corpo estea preparado para traballar e teña enerxía de sobra e lembra non comer polo menos unha hora antes da saída da carreira. Os cordóns teñen a teima de desatarse, así que bótalles un ollo para asegurarte de que a lazada está ben feita. Procura non saír a fume de carozo, empeza cun ritmo máis tranquilo e xa verás como pouco a pouco irás collendo confianza e acelerando a marcha. E se queres ir máis rápido e alguén che corta o paso, é máis doado pedirlle que che faga un oco, que cruzarte no camiño e provocar unha caída. E nunca o esquezas... se corres cun sorriso na cara verás o alto poder de contaxio que ten ;)

  Todos e todas a Cee!!!!