CARREIRA CAMPO A TRAVÉS CEE 16 DECEMBRO DE 2016
PREPARADOS..., LISTOS/AS... XA!!! é o son que adoitamos escoitar neses intres antes da saída dunha carreira cando o pulso se acelera e estamos desexosos e desexosas de poder comezar canto antes a poñer en movemento pernas, corpo e corazón.
A data por fin está a piques de chegar para acudir a unha actividade tan divertida como é o campo a través. Si, nenos e nenas de 3º a 6º, este venres 16 Cee nos agarda!!! En canto nos confirmen o horario de autobús, entregarémosvos unha autorización con toda a información. É fundamental que a traiades firmada e cuberta tanto se asistides coma se non.
Esta saída é unha oportunidade fenomenal de coñecer a outros nenos e nenas, aplicar o traballado nas sesións de EF, poñer a proba as nosas capacidades e, o máis importante de todo, para divertirse facendo exercicio. Ide a gozar da actividade; gañar pode parecer o mellor pero permitídeme que non estea totalmente dacordo: o mellor, na miña humilde opinión, é esforzarse e estar feliz independentemente de se a carreira nos leva máis ou menos tempo. Poucas cousas hai que presten tanto coma o feito de aplicarse nalgunha cousa e sentirse cheo de fachenda dun mesmo/a.
E para rematar uns breves consellos que xa ben coñeces:
Almorza ben, porque iso fará que o teu corpo estea preparado para traballar e teña enerxía de sobra e lembra non comer polo menos unha hora antes da saída da carreira. Os cordóns teñen a teima de desatarse, así que bótalles un ollo para asegurarte de que a lazada está ben feita. Procura non saír a fume de carozo, empeza cun ritmo máis tranquilo e xa verás como pouco a pouco irás collendo confianza e acelerando a marcha. E se queres ir máis rápido e alguén che corta o paso, é máis doado pedirlle que che faga un oco, que cruzarte no camiño e provocar unha caída. E nunca o esquezas... se corres cun sorriso na cara verás o alto poder de contaxio que ten ;)
Ningún comentario:
Publicar un comentario