Xogamos sen parar!!!
Por fin este curso retomamos os tan agardados encontros deportivos co CEIP Canosa-Rus, que está na mesma localidade que o noso, Coristanco. Era unha mágoa que centros tan próximos non poideran compartir un tempo, un montón de risas e, sobre todo, aprender xuntos e xuntas. Neste caso foron os alumnos e alumnas de 6º os que prepararon a visita. Como o tempo do que dispoñiamos era reducido, xa que retornaban para comer ao seu colexio, decidímonos por aproveitalo distribuíndoo do seguinte xeito:
- Primeiro unha recepción de benvida na que cada neno e nena se presentou. Para os máis despistados/as e como lembrar tanto nome non é doado! Cada un/unha levaba unha etiqueta co seu. Deste xeito axilizamos o coñecemento entre eles e elas.
- A continuación fixemos un macro xogo de pilla moi divertido: Virus e antivirus. Con tantos e tantas participantes foi de verdade emocionante.
- Sen perder un só intre, pasamos á fase de partidos de xeito que cada equipo se distribueu nos tres campos que tiñamos sinalizados para tal fin. Xogamos ao fútbol sen balón, ao brilé e tamén a balón-torre. Os xogos foron un éxito e cando chegou a hora da merenda, esta foi moi ben recibida así como as botellas de auga, que en seguida desapareceron. Tras tanto esforzo había que hidratarse convenientemente!!! Ambas mestras de Educación Física así como os respectivos titores dos grupos temos que darvos a noraboa! Non é nada doado xogar con tantos grupos diferentes e ter a oportunidade de dicir que non houbo nin o mínimo problema! O máis importante é saber solucionar as posibles discordancias que aparezan na práctica por medio do diálogo. Chapeau!!!!! Un ole a todos e todas por isto!
- Xa no recreo, houbo xogos libres varios donde os nenos e nenas do Canosa-Rus tiveron a oportunidade de interactuar con todos e todas os do noso centro.
- O remate deste tempo levounos á biblioteca, onde lles explicamos o funcionamento e lle lemos un conto ben simpático e uns poemas de propia creación. Todos e todas estiveron moi atentos.
Chegou con lástima a hora de despedirse, non sen antes acordar repetir a experiencia no terceiro trimestre. Só que nesta ocasión será o Pichel o que se desprace ata Rus. Vémonos en breve!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario