Quizáis nunca vos parárades a pensar pero... Realmente son ben curiosos os cambios que provoca no noso corpo o exercicio físico, non si? Nesta unidade usaremos as nosas habilidades detectivescas para estudialos:
- Mediremos a frecuencia cardíaca tanto antes coma despois da actividade física e veremos o que pasa segundo a intensidade da mesma. Ben sabedes que o corazón é o motor principal do corpo e, polo tanto, temos que coidalo e aprender a axustar o esforzo a cada actividade que realizamos.
- A respiración é un proceso que tamén sufre directamente as consecuencias da actividade física, o que podes comprobar facilmente se corres durante un minuto a toda velocidade, ou mesmo se te decides a facer tan só na metade de tempo todos os saltos verticais que sexas capaz. E por isto será fundamental que sexas quen de coordinar a respiración coa actividade fisica que realices para evitar un exceso de fatiga ou mesmo mareos.
- Pero... todo isto non sería posible se non tivésemos unha armazón esquelética e unha envoltura muscular que posibilita que resistamos todos os esforzos que realizamos. Aproveita para repasar o nome dos principais osos e músculos do teu corpo. Son algo importantísimo!!!
- Xa por último, pero non menos relevante, fixarémonos nas características do que comemos. Unha alimentación sana e equilibrada permitiravos ter unha mellor saúde e unha enerxía desbordante para afrontar o complexo día a día dunha xornada escolar. Lembra os distintos grupos da pirámide alimentaria e a frecuencia de consumo dos mesmos.
Sen máis, déixovos información para que poidades completar esta labor detectivesca e, xa que logo, uns xogos para que o proceso sexa máis divertido. Ánimo e a poñerlle ganas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario