ef

Resultado de imagen de perdonad las molestias estamos jugando para vosotros
"Todos os grandes pensamentos son concebidos ao camiñar".

martes, 20 de decembro de 2016

I CARREIRA DO LEITE

  Boas!! Agora que estamos metidos e metidas de cheo nas carreiras, déixovos información sobre a I Carreira da Leite que se celebrará o día de fin de ano en Mazaricos, coa fin de promocionar o deporte saudable e o consumo de productos lácteos. Déixovos o link con toda a información por se estades interesados en participar. 



domingo, 11 de decembro de 2016

E POR QUE...??? MENTES INQUEDAS

MENTES INQUEDAS

  O exercicio implica movemento, pero non só en canto ao corpo, senón tamén ten moito que ver coa capacidade de pensar. O movemento xera ideas, imaxes e favorece unha mente activa que nos permite afrontar as situacións da vida cotiá dun xeito máis eficaz.

  Todo isto ben o saben os alumnos e alumnas do CPI Alcalde Xosé Pichel. Porque? preguntarédesvos. E que a min me encantan as mentes inquedas, incapaces de conformarse co que xa saben e que constantemente teñen dúbidas e gañas de aprender, e neste cole, estou a descubrir moitas delas nas sesións de Educación Física. A vosa opinión é fundamental porque sen rapaces e rapazas que queiran aprender, non teriamos sentido os mestres. Nós, e eu particularmente, estou moi orgullosa de dicir que cada día aprendo un pouco máis con e de vós e por iso abro un fío para que poidades expresar todo iso que vos move por dentro...

  Imos ao quid da cuestión: A noticia das diferencias entre distancias para nenos e nenas segundo categorías na carreira de Cee causou unha grande conmoción. Profe!!! acaso tratan de dicir que as nenas non somos quen de correr tanto coma os nenos? Porque? Non o entendemos... Hai nenas que corren máis que os nenos...Apreciación que para algúns adultos/as pasaría desapercibida pero non para os alumnos/as do Pichel. Hurra por vós!!! 

  ATENCIÓN, ATENCIÓN! o debate está en acción! Propóñovos que deades a vosa opinión en canto ao seguinte: Cal é o motivo polo que o reglamento establece que os nenos, na maior parte de categorías, corran máis distancia que as nenas? Pasa o mesmo nas carreiras de adultos?

  Para que a vosa resposta sexa publicada, non esquezades poñer o nome e o curso no que estades. E tede en conta que non abonda con dicir "Si" ou "Non", senón que tedes que desplegar o voso inxenio e buscar unha razón que xustifique a vosa resposta con artigos en internet, xornais, etc. É dicir, para que o debate sexa interesante, argumentade ben as vosas respostas. Penso que tedes a capacidade para facelo francamente ben.


  Debezo por lervos!!! Animádevos a debater!

PREPARADOS/AS, LISTOS...XA!!


CARREIRA CAMPO A TRAVÉS CEE 16 DECEMBRO DE 2016  





PREPARADOS..., LISTOS/AS... XA!!! é o son que adoitamos escoitar neses intres antes da saída dunha carreira cando o pulso se acelera e estamos desexosos e desexosas de poder comezar canto antes a poñer en movemento pernas, corpo e corazón.


  A data por fin está a piques de chegar para acudir a unha actividade tan divertida como é o campo a través. Si, nenos e nenas de 3º a 6º, este venres 16 Cee nos agarda!!! En canto nos confirmen o horario de autobús, entregarémosvos unha autorización con toda a información. É fundamental que a traiades firmada e cuberta tanto se asistides coma se non.

  Esta saída é unha oportunidade fenomenal de coñecer a outros nenos e nenas, aplicar o traballado nas sesións de EF, poñer a proba as nosas capacidades e, o máis importante de todo, para divertirse facendo exercicio. Ide a gozar da actividade; gañar pode parecer o mellor pero permitídeme que non estea totalmente dacordo: o mellor, na miña humilde opinión, é esforzarse e estar feliz independentemente de se a carreira nos leva máis ou menos tempo. Poucas cousas hai que presten tanto coma o feito de aplicarse nalgunha cousa e sentirse cheo de fachenda dun mesmo/a.

  E para rematar uns breves consellos que xa ben coñeces: 
  Almorza ben, porque iso fará que o teu corpo estea preparado para traballar e teña enerxía de sobra e lembra non comer polo menos unha hora antes da saída da carreira. Os cordóns teñen a teima de desatarse, así que bótalles un ollo para asegurarte de que a lazada está ben feita. Procura non saír a fume de carozo, empeza cun ritmo máis tranquilo e xa verás como pouco a pouco irás collendo confianza e acelerando a marcha. E se queres ir máis rápido e alguén che corta o paso, é máis doado pedirlle que che faga un oco, que cruzarte no camiño e provocar unha caída. E nunca o esquezas... se corres cun sorriso na cara verás o alto poder de contaxio que ten ;)

  Todos e todas a Cee!!!!

sábado, 19 de novembro de 2016

Sabías que...? AS MULLERES NOS XOGOS OLÍMPICOS

AS MULLERES NOS XOGOS OLÍMPICOS



  Aínda que a día de hoxe vexamos como algo habitual a participación de homes e mulleres nos Xogos Olímpicos, non sempre foi así. O acceso das mulleres ao mundo deportivo foi tardío e estivo cheo de dificultades. O francés Pierre de Coubertain, creador dos Xogos Olímpicos da modernidade, reinstaurados no ano 1986, rexeitou totalmente a participación de mulleres neles e non foi ata o ano 1900 en París, no que por fin se puideron incorporar á competición, pero só nas modalidades de golf e tenis. As pioneiras foron as francesas Filleaul Brohy e Marie Ohnier. Tamén Charlotte Cooper foi a primeira muller en gañar unha competición olímpica na disciplina de tenis.

  Foi en Ámsterdam no ano 1928 onde finalmente tiveron lugar os verdadeiros comezos olímpicos das mulleres con cerca de 300 participantes que tiveron a oportunidade de competir tamén na modalidade de maior sona: o atletismo.


  En México 68 cúmprese outro logro cando a mexicana Enriqueta Basilio se convirteu na primeira muller que portou a antorcha olímpica e encendeu o pebetero daqueles xogos.

  Os avances foron numerosos e despois de tanto tempo considerando ao deporte como un campo exclusivo para homes, esta concepción errónea cambiou e as mulleres deportistas continúan a participar, con maior éxito e mellor preparación cada día e en cada evento olímpico. Todavía queda un longo camiño por recorrer pero de seguro irá progresando e cada vez a participación feminina, non só nos xogos olímpicos senón no deporte e en calqueira actividade física será máis numerosa.

  Nenos, nenas, rapaces e rapazas, non esquezades nunca algo importante: Non hai deportes "de homes" nin de "mulleres", o único que fai falla para practicar calqueira deporte é interese e diversión. Boa actividade física a todos/as!! 

martes, 15 de novembro de 2016

CUESTIONARIO CAPACIDADES FÍSICAS

Boas chicos/as! Aquí vos deixo o enlace para cubrir o cuestionario da unidade de capacidades físicas. Non esquezades cubrir nome, apelidos e curso. Ánimo e bo traballo!! Tedes toda a información necesaria no blogue.

xoves, 10 de novembro de 2016

CORRER NON É DE COBARDES

O ATLETISMO
 
 Un día calquera, Marta e Fran estaban na rúa. Aburridos, decidiron correr para ver cal dos dous chegaba antes a unha árbore próxima. Sen sabelo, estaban a practicar o deporte máis antigo da historia: o atletismo. Nesta unidade didáctica coñeceremos un pouco máis desta interesante actividade.

http://www.slideshare.net/gustavosailema/atletismo-13088467



  E como resulta moito máis doado aprender se a materia é divertida propóñovos que investiguedes e espertedes a vosa curiosidade polas modalidades deste deporte pero, entrementres, podedes ollar os vídeos dun simpático oso chamado Berni, que vos axudarán nesta tarefa...






luns, 7 de novembro de 2016

CONDICIÓN FÍSICA 
Agora que estamos a piques de rematar esta unidade, é bo aclarar os conceptos máis importantes que traballamos ao longo da mesma; é dicir, a condición física. Que entendemos por ela? Trátase dun conxunto de capacidades físicas que ben traballadas nos proporcionan un estado de saúde e benestar óptimos para a vida e un bo rendemento para as actividades físicas e deportivas. Son un total de 4: forza, resistencia, flexibilidade e velocidade, que resumiremos a continuación:

CUALIDADE FÍSICA
Que é?

Como podemos mellorala?

Sabías que…?

FORZA

É a capacidade para vencer resistencias.

Con xogos de loita, traccións, empurres, arrastres de obxectos, trepas, etc.

·      Se fortalecemos os músculos do noso corpo, evitaremos moitas lesións.
·      O animal máis forte en relación co seu peso é o escaravello xigante.

RESISTENCIA

A capacidade de aguantar moito tempo facendo exercicio físico. Existen dous tipos: aeróbica e anaeróbica.

Con xogos de carreira, de persecución, circuítos, etc.

·      Correr moderadamente é beneficioso para corazón e pulmóns.
·      En Kenia, moitos nenos/as percorren máis de 10 kms para ir á escola. Con este adestramento non é de estrañar que de adultos sexan imbatibles en probas de longa distancia.
·      Algunhas das probas de resistencia máis duras son o maratón (42 kms de carreira), o triatlón (que combina natación, ciclismo e carreira) xunto co Tour de Francia, dura proba en bicicleta.
FLEXIBILIDADE


É a capacidade que permite facer movementos de grande amplitude articular sen magoarnos, grazas á mobilidade das articulacións e á elasticidade muscular.
Con exercicios de estiramentos con ou sen compañeiro/a aguantando durante 15-20 segundos unha posición notando certa tensión pero non dor.
·      A flexibilidade diminúe coa idade e é importantísima para estar san, así que se non queres perdela.. comeza a traballala cada día.
·      Hai persoas que son quen de estirar o seu corpo ata límites abraiantes. Son os contorsionistas
VELOCIDADE

É a capacidade física que nos permite movernos rapidamente no menor tempo posible.

Mediante xogos de persecución, relevos, xogos de reacción, etc. Hai que ter en conta que para desenvolvela os xogos deben durar pouco tempo ademais de seren intensos e a sensación despois de cada un deles será de moito cansanzo.

·      O animal máis rápido do mundo é o falcón peregrino, que voa en picado a 250 km/h.
·      O home máis rápido do mundo recorre 100 metros en menos de 10 segundos e a muller máis veloz en menos de 11 segundos (Usain Bolt e Florence Griffith).
·      Para ser veloz hai que traballar a flexibilidade e a forza.



mércores, 19 de outubro de 2016

XXXVII CARREIRA POPULAR DE NEGREIRA



  Rapaces e rapazas! A carreira de Negreira está á volta da esquina. Non o dubidedes e anotádevos! É unha oportunidade perfecta para divertirse, pasar un bo rato, estar cos amigos e amigas e facer algo de exercicio, que xa sabedes o ben que senta. Hai categorías para todas as idades, incluso para os adultos. Lembrade, o máis importante de todo non é chegar de primeiro/a, senón esforzarse, correr con cabeciña para pasalo ben e encherse de endorfinas.


  Mamás, papás, irmáns e irmás, animádevos a compartir un anaco de deporte en familia. Será unha marabillosa experiencia.



  Adxúntovos o enlace para que poidades consultar todos os detalles e apuntarvos.


Categorías




NombrePrecio actualAno de nacementoDistanciaHora de saída
ChupeteGratis2013-Posteriores200 m13:00
PrebenxamínsGratis2010-2012250 m12:5025
BenxamínGratis2008-20091000 m12:309
AlevínGratis2006-20071000 m12:3010
InfantilGratis2004-20053800 m11:5010

domingo, 16 de outubro de 2016

Sabias que..? As maniotas

sabias que el magnesio quita los calambres
AS MANIOTAS

O nome das maniotas procede da percepción que temos cando as padecemos, xa que temos a sensación de que nos están a clavar agullas no músulo. Ademais, ata fai uns anos, críase que se debían ao ácido láctico que se libera durante o exercicio e que, ao arrefriarse o músculo tras do entreno, se solidificaba e cristalizaba, facendo que os “ristais” se cravaran nas fibras. Pero hoxe en día sábese que esta teoría non é certa. Entón, a que se deben logo as maniotas?

En realidade prodúcense por un sobreesforzo da musculatura que provoca micro roturas nas fibras musculares. O músculo infámase e a libera sustancias que son irritantes e dorosas e aparecen despois de realizar o esforzo. Isto acontece porque realizamos un exercicio de maior intensidade do que estamos preparados ou ben cando estamos desentrenados e o noso corpo precisa de máis entreno.
Aínda así, as maniotas, ainda que molestas e dorosas, son beneficiosas para o corpo porque provocan a creación de novas fibras no músculo que se exercita.

Podemos previlas?
As maniotas son parte dun proceso de adaptación muscular polo que o único que se pode facer para evitalas é practicar exercicio de forma progresiva e realizar un bo quecemento previo.

E... como as combatimos?

O mellor é facer xusto o exercicio que as provocou, pero de forma gradual e sen sobreesforzos.

Funcionan os “remedios da avoa”?
O feito de tomar bicarbonato ou auga con azucre, dous remedios populares largamente usados para combatir as maniotas, non teñen ningún beneficio á hora de curalas ou disminuílas. Así que por moita cantidade que tomes, as maniotas continuarán a acompañarte ata que as microroturas musculares se curen. O que si pode facer que desaparezan antes, é a aplicación de frío local nas zonas afectadas e incluso facer estiramentos suaves.

Así que xa sabes... Para curar as maniotas... Deixa o azucre e fai exercicio!!!







luns, 10 de outubro de 2016

Sabías que...? As persoas que fan exercicio son máis optimistas que o resto!

sabias que el magnesio quita los calambres
As persoas que fan exercicio son máis optimistas que o resto!
Facer exercicio aumenta o noso optimismo fronte á vida, fainos máis felices e axúdanos a levar o día a día con máis gañas. Numerosas razón tanto físicas coma psicolóxicas e incluso químicas así o afirman. Como é isto posible? As primeiras causantes do noso optimismo se facemos deporte ou exercicio físico son as endorfinas, proteínas transmisoras da sensación de placer nacidas no cerebro e que se producen con maior frecuencia grazas á nosa actividade física.
As endorfinas producen sensación de felicidade, alivian as dores ademais de protexernos contra os virus e bacterias..
Estas proteínas poden xerarse tamén mediante exercicios de relaxación, lembrando recordos positivos, rindo ou mesmo escoitando música. Xa que logo…
Pon endorfinas na túa vida!!! Fai de exercicio físico cada día e notarás o cambio!

sábado, 8 de outubro de 2016

5º E 6º, DETECTIVES DO CORPO HUMANO

  Quizáis nunca vos parárades a pensar pero... Realmente son ben curiosos os cambios que provoca no noso corpo o exercicio físico, non si? Nesta unidade usaremos as nosas habilidades detectivescas para estudialos:
  • Mediremos a frecuencia cardíaca tanto antes coma despois da actividade física e veremos o que pasa segundo a intensidade da mesma. Ben sabedes que o corazón é o motor principal do corpo e, polo tanto, temos que coidalo e aprender a axustar o esforzo a cada actividade que realizamos.
  • A respiración é un proceso que tamén sufre directamente as consecuencias da actividade física, o que podes comprobar facilmente se corres durante un minuto a toda velocidade, ou mesmo se te decides a facer tan só na metade de tempo todos os saltos verticais que sexas capaz. E por isto será fundamental que sexas quen de coordinar a respiración coa actividade fisica que realices para evitar un exceso de fatiga ou mesmo mareos.
  • Pero... todo isto non sería posible se non tivésemos unha armazón esquelética e unha envoltura muscular que posibilita que resistamos todos os esforzos que realizamos. Aproveita para repasar o nome dos principais osos e músculos do teu corpo. Son algo importantísimo!!!
  • Xa por último, pero non menos relevante, fixarémonos nas características do que comemos. Unha alimentación sana e equilibrada permitiravos ter unha mellor saúde e unha enerxía desbordante para afrontar o complexo día a día dunha xornada escolar. Lembra os distintos grupos da pirámide alimentaria e a frecuencia de consumo dos mesmos. 
  Sen máis, déixovos información para que poidades completar esta labor detectivesca e, xa que logo, uns xogos para que o proceso sexa máis divertido. Ánimo e a poñerlle ganas!




martes, 20 de setembro de 2016

3, 2, 1... XA ESTÁ AQUÍ O PICHELÍN!!!!

  Nenos e nenas, rapazas e rapaces... os vosos recreos serán a partires de mañá un chisco máis divertidos porque por fin.... 

Abre o CUARTO PICHELÍN!!!

  O cuarto é para que todos e todas o poidamos gozar, así que lembrade algunhas cousas moi, moi importantes para o seu uso...

  • Cada día, dous nenos/as serán os encargados de abrilo e pechalo  e do coidado do material, collendo a chave no cuarto de E.F. Podedes consultar cando vos toca no cadro colocado no taboleiro. Os cursos responsables son os alumnos/as dende 4º a 6º. A orde será: 6ºA, 6ºB, 5º, 4ºA e 4ºB. Tamén o irei colgando no noso blogue para que poidades consultar en calqueira momento.
  • E fundamental que colaboremos para manter o cuarto Pichelín en bo estado. Javi dedicou tempo e cariño en arranxalo para todos nós e, como queremos que dure moitos cursos, temos que poñer da nosa parte para que as cousas non se estraguen. Pensa que a ti non che gustaría non poder xogar coas cousas porque estivesen rotas... Cóidaas por favor!
  • Cando non vos apeteza xogar máis cun xogo, devolvede as cousas ao seu sitio. Deste xeito, cando queirades voltar a usalas será doado atopalas e non perderedes tempo do recreo buscándoas.
  • Se atopas algún material que estea danado, faillo saber aos responsables dese día para que o reparemos canto antes.
  • Pode ser que botedes en falta algún xogo. Admítense suxerencias e segundo vaian chegando valoraremos se é posible incorporalas ao Cuarto Pichelín.
  Só me queda desexarvos... 
Que pasedes moi bos ratos neste cuarto xenial!!



CUARTO PICHELÍN=
RECREOS ACTIVOS!!

luns, 19 de setembro de 2016

Como publicar un comentario no blogue

1. Fai click no globo que pon "comentario". 
2. Escribe o que precises no cadro que pon: "Introduce o teu comentario".
3. Lembra poñer o teu nome, primeiro apelido e o curso.
4. Volve ler o que escribiches para asegurarte de que non hai faltas de ortografía e puxeches todos os datos.
5. Para rematar fai click en "publicar".
6. Unha vez revisado, o teu comentario aparecerá no blogue.
6. Grazas por participar!

Benvidos e benvidas!!!

  Comeza un novo curso que ven cargado de moita ilusión e unha chea de curiosidade e dende a área de Educación Física queremos aproveitar para darvos a benvida a vós, a todos os alumnos e alumnas do CPI Alcalde Xosé Pichel.

  Como xa sabedes, o meu nome é María. Serei a vosa profe tomando o relevo de Estela e co obxectivo principal de que o pasemos ben xuntos e aprendamos todo o que poidamos. O blogue serviranos para estar máis informados, resolver dúbidas e tamén para que teñades ao voso alcance as noticias que teñan que ver con esta área. Gustaríame que vos animásedes a participar xa que a vosa opinión é moi importante. Colgarei unhas normas moi sinxelas para poder facer comentarios. 

  Lembrade vir ás sesións con roupa deportiva, bolsa de aseo e, sobre todo, gañas de aprender cousas novas e mellorar as que xa sabemos!

  Aproveitade os tempos de lecer, deixade de lado as maquiniñas e... a xogar e a correr cos amigos e amigas!!! 

martes, 28 de xuño de 2016

Día da bicicleta no Alcalde Xosé Pichel

No mes de xuño e contando coa colaboración do Clube Ciclista Carballo celebrouse no noso centro o día da bicicleta.
O alumnado que puido dispoñer da súa propia bici acudiu con ela ao colexio e o que non puido facelo, contou coas bicicletas prestadas polo clube.
Recibiron una pequena charla introductoria sobre normas viarias de circulación nas estradas coas bicicletas e posteriormente fixeron un circuito con obstáculos e rampas dentro do patio do colexio.
Foi unha gran experiencia para todos, grandes e pequenos, dado que a actividade realizouse para todo o alumnado de primaria.

Podemos velos disfrutando do paseo en bicicleta:

Baile moderno e zumba no pichel

No último trimestre o alumnado de primeiro a sexto de educación primaria soltou a melena e fixo os seu pinitos co baile moderno, aeróbic e zumba.
Aquí temos unha mostra: